Treboada Galega é unha auto-edición da Asoc. Gaiteiros da Xistra que, a través de breves textos, imaxes e vídeos, presenta dun xeito didáctico todos os segredos e a historia dunha manifestación folclórica propia do Baixo Miño galego e Alto Minho portugués: os bombos de grandes dimensións, que percorren as parroquias anunciando a festa ao son de gaitas e caixas, mantendo a mesma morfoloxía desde a súa orixe hai centos de anos, incluso antes da irrupción dos actuais “bombos de gaiteiro”.
A GAITA DE BARQUÍN, da que se adxuntan planos de construción, caracterizada por ser de insuflado mecánico e levar dous roncos que parten dunha mesma buxa ou “galleto”, esmoreceu ao longo do primeiro cuarto do século XX. Os achados materiais atopados, constituídos por instrumentos completos ou partes deles xunto con imaxes dalgúns dos seus intérpretes, constitúen un fondo considerable de información que permiten análises obxectivas sobre este tipo de gaita e a súa zona de influencia. En relación ao primeiro tipo de achados, supoñen un total de oito referencias, que, aínda que apareceron en lugares diferentes, posúen en común que todas pertencen ao termo municipal de Tomiño.
O traballo preséntase en dúas partes diferenciadas: unha, de marcado matiz gráfico, onde cunha simple ollada o lector pode facerse coa idea e a definición do termo Treboada; así como da súa localización xeográfica, as diferenzas con outros tipos de manifestacións similares existentes noutros lugares, dos instrumentos que a compoñen, a súa evolución, os aspectos sociais, etc. E unha segunda, composta por pequenos textos que dan a coñecer aspectos máis profundos como o seu contexto histórico europeo, a gaita de barquín e os seus intérpretes, a función social e simboloxía das percusións,…